Thursday 25 de April de 2024

O Concello celebra cunhas xornadas os 150 anos da chegada de Rosalía de Castro á Coruña


Os actos serán do 10 ao 12 de novembro e consistirán nunha exposición sobre os 50 anos da Casa de Rosalía, conferencias, concertos e unha ruta rosaliana

O Concello conmemorará os 150 anos da chegada de Rosalía de Castro á Coruña cunhas xornadas que terán lugar en distintos espazos da cidade do 10 ao 12 de novembro e que incluirán concertos para nenos, nenas e maiores no Teatro Rosalía, conferencias no Circo de Artesáns, unha ruta guiada pola cidade rosaliana e unha exposición nos xardíns de Méndez Núñez sobre os 50 anos da Casa de Rosalía. Este evento celébrase en colaboración coa Fundación Rosalía de Castro, con quen xa se plantou unha filla da Figueira de Rosalía no parque de Santa Margarida a comezos de ano.

Os concertos terán lugar o xoves 11 de novembro no Teatro Rosalía, en dúas quendas. Ás seis da tarde para público familiar, co proxecto ‘Rosalía Pequeniña’ de Uxía Trío, e ás oito da tarde con Najla Shami para público adulto, quen publicou un disco musicando a autora.

As conferencias chegarán de man de dous estudosos de Rosalía e Murguía: a profesora Pilar García Negro falará de ‘A vida de Rosalía de Castro na Coruña: un tempo histórico decisivo’; e o académico Xosé Luís Axeitos con ‘Murguía na Coruña e a fundación da RAG’. Ambos os dous relatorios terán lugar os días 10 e 12 de novembro no Circo de Artesáns, o lugar no que se celebrou a sesión inaugural da Academia Galega.

O 10 de novembro inaugurarase a exposición itinerante ‘A Casa de Galicia. 50 anos da Casa de Rosalía’, comisariada por Pepe Barro, que estará nos xardíns de Méndez Núñez ata o 24 de novembro e logo percorrerá ducias de localidades de toda Galicia. Esta mostra exterior fai un repaso pola historia da Casa-Museo que se abriu ao público o 15 de xullo de 1971, en pleno franquismo, grazas á implicación de milleiros de persoas e entidades de todo o país e da emigración. O Patronato Rosalía, creado en 1947, converteuse en refuxio do galeguismo, con actos como a Misa de Rosalía en Bonaval, que eran encontros de afirmación galeguista.

Daquela participaron centos de persoas anónimas de Galicia a partir da proposta de José Manuel Rey de Viana, organizáronse colectas en moitas vilas e en case todos os centros galegos na emigración, uníronse máis de 70 concellos, varios bancos e innumerables asociacións de toda Galicia.

Rosalía na Coruña
A Coruña foi unha cidade importante na vida de Rosalía de Castro. Na cidade naceu o seu home, Manuel Murguía e viviu varios anos. En 1861 escribiulle nunha carta ao seu home: “La Coruña estaba hermosísima. Una temperatura de primavera y un sol brillante. Estaba por quedarme ya en ella” –A Coruña estaba fermosísima. Unha temperatura de primavera e un sol brillante. Estaba por quedar xa nela-.

Na Coruña iría vivir dez anos despois, de 1871 a 1874 logo de que Manuel Murguía fose nomeado director do Arquivo Xeral do Reino de Galicia. A familia instálase no número 3 da rúa do Príncipe, naquela altura chamada de Padilla. En 1873, no seu segundo andar, nacería a súa quinta filla, Amara, que tamén morrería na Coruña en 1921.

Despois da morte de Rosalía en Padrón en 1885, Murguía establécese coa súa familia de novo na Coruña, onde funda a Real Academia Galega en 1906, que presidiría ata a súa morte.